Breve conversa entre o xornalista Rambert que quere escapar da cidade para ir coa súa moza en París, co funcionario Tarrou e o médico Rieux que están a organizar patrullas sanitarias.
Preguntoulle a Rieux como andaban as formacións sanitarias. Había xa cinco equipas de traballo. Agardaban conformar aínda máis. O xornalista estaba sentado sobre o seu leito e parecía moi ocupado nas súas unllas. Rieux fitaba a súa silueta pequena e vizosa, encrequenada no borde da cama.
– Sabe, doutor, dixo, teño matinado moito sobre a súa organización. Se non colaboro con vostede é porque teño as miñas razóns. Polo demais, creo que eu xa fixen abondo pola humanidade, fixen a guerra en España.
– En que bando? preguntou Tarrou.
– No dos vencidos. E dende aquela teño reflectido un chisco.
– Sobre que? comentou Tarrou.
– Sobre a afouteza. Agora sei que o home á capaz de grandes accións. Pero se non é capaz de grandes sentimentos, non me interesa.
– Teño a impresión de que somos capaces de calquera cousa, dixo Tarrou.
-Non, o home é incapaz de sufrir ou de ser feliz durante moito tempo. Logo, non é capaz de nada que mereza a pena.
Fitando para eles, seguiu:
– Vexamos, Tarrou, sería vostede capaz de morrer por amor?
– Non o sei, pero coido que non, a día de hoxe cando menos.
– Ve. Sen embargo, vese ben que vostede sería capaz de morrer por unha idea. Pois ben, no que a min respecta, xa teño abondo de xentes que morren por unha idea. Non creo no heroísmo, sei que é doado, pero cheguei á conclusión de que é mortífero. O que me interesa é que se viva e se morra polo que un quere ben.
Rieux tiña escoitado o xornalista con suma atención. Sen deixar de miralo, dixo docemente:
– Rambert, o home non é unha idea.
O outro saltou do leito coa faciana inflamada de paixón.
– É, é unha idea pequena, a partir do momento no que deixa de lado o amor. Precisamente, nós xa non somos capaces de amar, doutor. Agardemos dos acontecementos e se verdadeiramente non é posíbel, agardemos a liberación xeral sen xogar aos herois. Eu non sigo, non vou máis aló.
Rieux ergueuse, cun aire de repentino cansazo.
– Ten vostede razón, Rambert, toda a razón e por nada no mundo eu tentaría impedirlle de facer o que vai facer, porque me parece xusto e bo. Pero sen embargo teño que dicirlle algo: non hai heroísmo en todo isto que facemos. Trátase de honestidade: Igual isto pode facerlle graza, pero o único xeito de loitar contra a peste é a honestidade.
– Pero, que é a honestidade? dixo Rambert de repente moi serio.
– En xeral non sei o que é, pero no meu caso, sei que consiste e facer o meu traballo.
– Ah! dixo Rambert cheo de xenreira, eu non sei cal é o meu oficio. Se cadra son dos que se equivocan escollendo amar.
Rieux fíxolle fronte:
– Non, dixo con forza, vostede non está errado.
…/…
A primeira hora do dia seguinte, Rambert chamou por teléfono ao doutor:
– Aceitaría que traballe con vostede ate que atope un xeito de escapar da cidade?
Fíxose o silencio no outro lado da liña, e ao pouco:
– Si, Rambert. Agradézollo moito.
Comentarios recentes