Aquel PSG que puido ter sido e non foi, hoxe sería peza fulcral no espazo político galego
Vexo, falando con algunha xente sobre o tema que existe unha serie de ”prexuizos” -no seu sentido máis etimolóxico- sobre eses anos e o PSG. Quero deixar escrito o que eu pensaba, pensei e penso agora do que aconteceu no PSG entre o ano 1976 non que entrei a militar no PSG e o 82 coa refundación do BN-PG en BNG e un apuntamento sobre a posterior integración no mesmo dos pexegos que no seu día preferiran ir ao POG-PSG. Teño moi mala memoria e isto hai que tomalo coas cousas que me quedaron gravadas e con certo subxectivismo.
Eu entrei no PSG solicitado por X M Beiras vía Xusto Beramendi -daquela coincidiamos traballando no COAG, tamén Luís Mariño e algún outro- a mensaxe que me chegou foi a de que se necesitaba xente nacionalista de esquerda para reforzar esa ala dentro dun PSG un tanto ambiguo, non consolidado ou non preparado para a reforma política que estaba a se producir.
Algúns, eu ou Eduardo Gutierrez fixeramos crise dentro da UPG na que militabamos -quen nos pedira a entrada foran Ramón Muñiz e Manolo Moreda- dende o ano 1970 ate o proceso de constitución da AN-PG na que se nos pedía que fixésemos de correa de transmisión das decisións do partido na incipiente organización de masas. Fomos moi críticos, mesmo por escrito, con iso e cos coqueteos coa loita armada que rebentou no ano 1975 en agosto. Fomos expulsados da UPG por “pequeno burgueses”, ten coña que quen nos botou foi Antón Luaces de curiosa evolución posterior.
Lembro a constitución da organización local de Santiago do PSG, eu recen entrado, na que eu fun proposto por Beiras como secretario de organización local. Lembro a sorpresa de varios rapaces coma min que estaban xa no PSG, ante esa proposta polo que indiscutibelmente era o noso líder, de todos os presentes, Beiras. Nin que dicir ten que case todos eran estudantes da universidade. Lembro a Xaime Barreiro, Ceferino Díaz, xa profes e Manolo Barbeitos, Marica Yáñez, Lois Eyré e algún que outro rapaz de Ferrol, Cornide, ou de Ourense, Xardón, teño moi mala memoria, estudantes.
Os meses seguintes foron de conformación da estrutura orgánica do partido que estaba moi precaria, aínda que había varias agrupacións bastante numerosas en Ourense, Ferrol ou na Coruña. Un longo congreso itinerante de definición de textos, de organización, de elección de persoas para encomendas de traballos, etc. Ourense, Lugo, Vigo, Pontedeume. Houbo un primeiro Secretariado no que estaba eu, pimpín, como Secretario de Organización, o resto de “históricos ou máis ou menos fundadores” X M Beiras, Mario Orxales, Rodríguez Pardo creo, non lembro si Manolo Caamaño ou Valentín Árias. Habería que mirar nas actas do Congreso de Vigo.
Todo este proceso de constitución orgánica dábase en paralelo aos eventos da Reforma do 78 e ás movidas que se estaban dando para a reconfiguración do espectro político e a conformación dos partidos que se prestaban a saír na liña de partida de procesos electorais.
O PSG estaba a participar na Conferencia Socialista Ibérica,o que eu entendía como unha plataforma para un entendemento confederal para que partidos socialistas puidesen concitar esforzos mesmo electorais. Aquelo víñame un pouco grande e niso estaban os “históricos”, había moi boa xente, lembro os do País Valenciá especialmente. Creo que todo iso se veu abaixo polas manobras do PSOE auspiciado pola Fundación Ebert que conseguiu facerse con espazo político.
Nese panorama dentro do PSG había basicamente dúas “correntes” a dos que a vista do que estaba pasando preferían entendemento co PSOE, que en Galiza non existía practicamente, integración e facer un a xeito de pacto á catalá como o PSC, pero sen forzas e dende o noso punto de vista condenado a se converter nunha franquía do PSOE, como por certo si que aconteceu … e segue a acontecer. E estabamos os outros, os que queriamos un partido soberano, sen dependencias nen enfeudamentos pero sen por iso desbotar algún tipo de entendemento estratéxico con outros partidos doutras partes do estado pero fóra de Galiza.
Isto dalgunha maneiras viña tamén atravesado polos que concibían o Partido como unhas siglas para operacións de conformación do espazo socialista post-Franco dende Galiza pero moi condicionado polo que estaba a conformarse no estado e os que queriamos un partido con influencia social, afiliación importante e netamente independente.
Non creo que nos anos 70’s ningún partido fose de masas, todos estabamos en construción, se ben é certo que a UPG coa súa concepción ml tiña adiantado bastante o camiño e o traballo de base cultural e sindical. O PSG en menos medida pero tamén estaba presente no asociacionismo e no traballo sindical había agrupacións moi nutridas como en Ferrol.
Nas primeiras elección tanto o BN-PG como o PSG tiveron uns resultados moi por debaixo das expectativas, o PSG un pouquiño por riba do Bloque, pero desastrosos par ambos. Creo que isto foi un revulsivo que dentro do partido incentivou buscar unha saída, mellor dúas, correspondéndose coas dúas tendencias antes citadas: os que pensaron que era mellor achegarse de vez ao PSOE e os que pensabamos que a solución ía máis por unha coalición no microcosmos nacionalista á marxe da UPG, así naceron o Colectivo socialista pro PSOE dunha banda e o achegamento ao POG e PG para a coalición Unidade Galega, moi exitosa nas primeiras municipais, da outra.
A ausencia de Beiras por motivos de saúde coincide con esta fase do proceso e creo que contribuíu ao esgace das dúas visión aínda que Beiras estaba xa daquela por unha forza independente e radicalmente nacionalista. Cónstame persoalmente que Beiras resistiu os cantos de serea que lle mandaban dende o PSOE, Felipe González en concreto.
Dende o ano 79 máis ou menos até 1982, sucedéronse unha serie de decisións políticas e nomeamento de Secretariados, que tras o abandono dos integrantes do Colectivo Socialista, cada vez máis integrados pola xente nova na que xente “histórica” foi reducindo a súa presencia ate abandonar de facto o partido case todos durante todo ese o proceso. Un intento de manter a cohesión foi a presenza inestimábel de Valentín Arias na dirección un tempo. Coa tácita retirada desa xente, e coa saída previa do CS (Rodriguez Pardo, Xaime Barreiro, Xerardo Estévez, entre outros, todos atoparon un oco no PSOE) o PSG ficou a cargo dos novos. Claudio López Garrido, Afonso Ribas, Lois Calvo, eu mesmo e non lembro agora máis. Haberá que mirar as actas.
Cito nesta fase a loita contra a usurpación das siglas PSG pola franquía galega do PSOE, tanto no rexistro de asociacións como na de marcas. PSdeG acabou rexistrado e foi das veces que eu teño visto máis claro que as leis retórcense a favor do máis forte.
O éxito electoral de Unidade Galega levou a moita xente a velo coma un xermolo dunha nova organización política mentres que outros só viamos unha coalición a manter. Esa tensión rematou con tensións cara dúas saídas, de novo, os que transformaron UG nun partido, fundamentalmente os do POG, Camilo Nogueira, Xoan L Facal, e os que consideramos mellor un entendemento estratéxico coa UPG e participarmos nunha refundación do BN-PG que permitise a coexistencia de organización partidarias no seu seo a maiores da UPG, claro. E todo iso pola necesidade que viamos de que Galiza contase cunha presenza electoral urxente.
O PSG participou en todo o proceso chegados á Asemblea de Riazor na que se constituíu o BNG con ese nome xa. Esa cuestión da denominación foi o detonante para a saída auspiciada por unha maioría nese momento do PSG que decidiu ir cara o POG e conformar unha Unidade Galega xa partidista baixoo carimbo POG-PSG. O resto ficamos dentro do BNG pero sen partido e conformamos un colectivo socialista dentro do mesmo.
Comentarios recentes