Select Page

Había moitos anos que tiña gañas e foi este mes de outubro que puiden asistir. Íamos ir o ano da peste 2020 pero non foi posíbel.

Dende que vin a peli “Peppermint frappé” de Saura aló polo ano 67 ou 68 devecía por velo, o alucinante Trinari acompañoume nestes cincuenta e tantos anos, ás veces refrescado pola escoita da gravación de Hispavox en vinilo que conservo.

Teño asociadas esas músicas aos anos finais da década dos 60, o tardofranquismo da fase tecnocrática do Opus, un sopro máis ou menos críptico do devezo de modernización e apertura democrática que tiñamos como sociedade sometida a unha ditadura que parecía eterna, de feito tardou aínda case outra década en rematar; como e o que deu de si a Reforma do 78 é outro tema.

Non vou comentar o que se pode ver moito mellor narrado en diversos enlaces dos que axunto un, senón breve anotación subxectiva do vivido en Elx o pasado venres 28 de outubro.

Fun con Maite e dúas amigas, Ana e Teresa, coas que ás veces organizamos algunha escapada. Tiñamos decidido ir dende maio e agardamos que abrisen á venda as entradas. Por certo estaba á venda antes na billeteira do Corte Inglés que na páxina do propio Padroado do Misteri.

Unha igrexa ateigada de xente, e polo que me comentaron de xente do propio Elx que vive con paixón cada representación do “Misteri” e na que moitos teñen familiares e amigos como figurantes e cantantes. Chama a atención que os actores e voces sexan todos da vila – xa sabemos que no Levante hai moita afección musical – pero non agardaba esa mestría.

 

 

 

 

 

 

 

O espectáculo, porque un espectáculo é, ten momentos realmente emotivos e non me defraudou a pesares das altas expectativas que agardaba. Os estaribeles baixando pendurados da cúpula da igrexa, os anxiños e músicos nel acubillados tocando e cantando. Lembro un neno que mesmamente semellaba un putto barroco de retablo abrindo unha súa boquiña redonda para entoar uns melismas incríbeis … e todo iso pendurado a 20 metro do chan.

Nin que dicir ten que antes visitamos o famoso Palmeiral e a Horta do Cura, e por suposto demos conta dun arroz en costra digno do Misteri. Unha xornada sublime en todos os sentidos. Ha, ha!