Select Page

Remexendo nos textos de debate da conformación do BNG no ano 1982 atopo en A NOSA TERRA un artigo meu contestando a outro de Méndez Ferrín referido ao PSG, a eses debates e á celebración do Día da Patria Galega dese ano.

Sempre admirei o Ferrín escritor, pero o Ferrín “político” sempre me pareceu un tanto “gamberrete”, un esquerdismo “epatante”, xenio e figura. Trazos que por certo levo visto en anos pasados no comportamento da FPG nos procesos de En Marea.

Poño o texto tal cal, incluída a grafía que utilizábamos daquela, sen correccións. Creo que é froito daquel momento no que o PSG que viña de sufrir o esgazamento dos que decidiran facer un pacto co PSOE, o roubo das siglas, etc. e a pulsión por contribuír a algo mellor para Galiza. Daqueles tempos viñeron os “gloriosos 90’s” do BNG, do sorpaso ao PSOE, do Galeusca, etc.

Pola unidade e a claridade necesaria

MARIO LOPEZ RICO.

Ao fío dun artigo firmado por X.L. Méndez Ferrín no pasado número de A NOSA TERRA, e coa imposta demora polo lapso estival do semanário nacionalista, querería publicar algunhas das consideracións que me merece.

Cando o representante de Galicia Ceibe apareceu cun comunicado dos presos no intre mesmo da saída da manifestación do Dia da Pátria, estába-se obxectivando a incapacidade da sua organización para a práctica unitária. A política de feitos consumados, de saltar no derradeiro momento os acordos de longas e demoradas sesións de traballo na Xestora -a última de aínda non había catro dias, é unha falta de respeito a todos os que, organizados ou non, estamos artellando o complicado entramado de esquerda nunha nova organización unitária que permita un salto cualitativo no camiño da liberación nacional e social do noso povo. O PSG non é quen para autorizar nen desautorizar algo, que é competéncia da Xestora, do mesmo xeito que tampouco pode facélo Galicia Ceibe.

A causa da liberdade dos patriotas galegos, da amnistía total para todos os presos por mor das suas ideas é asumida por todo o nacionalismo (remítome á intervención do representante do PSG na Praza de Galiza) e poño en dúvida a sua utilización partidista sexa o mellor xeito de libertá-los. A liberdade dos patriotas galegos é obxecto de luita para calquer galega minimamente demócrata. Non creo que a intervención de A. Bértolo o 25 de xullo fose mui clarificadora para as masas, como pretende o noso amigo Ferrín, pois, dio sen máis, sen outros dados de contido e procedimento non deixa de ser un recurso demagóxico

A prática da unidade, da concertación plural, é un duro exercício democrático de longa aprendizaxe. Para os que, como os “pexegos”, levamos muitos anos pulando arreo polo entendimento do nacionalismo galego, é algo que temos mui claro desde o ans 1963. E non todo son experiéncias máis ou menos fallidas como UG (?); velaí a Mesa de Forzas Políticas Galegas e a Coalición Bloque-PSG, na que as tensións e diferéncias-non hai por qué negá-las- sempre se resolven pola via do diálogo, da cesión mútua e do entendímento e camaraderia no traballo de base. Esta confluéncia do nacionalismo radical, socialista e comunista, foi posível grácias a quén pensan que Galiza está por riba todo. Confluéncia que, por certo, puido ter-se producido no ano 1979 no momento en que o PSG convocou a todas as forzas nacionalistas para, cando menos, facer unha fronte electoral de unidade nacionalista. A incomprénsível negativa das forzas do Bloque a participar, reforzando a súa compoñente de esquerda deixou reducido o proxecto ao que foi Unidade Galega, na que colaborou ate certo nível o daquela PGP, chegando mesmo a obter algún concellal nas súas listas.

O noso amigo di que o PSG ven estando desde 1964 á súa dereita por non ser nen comunista ne independentista. O PSG defendeu desde sempre unha fórmula federal para o artellamento dos distintos povos do actual estado español no camiño dunha federación de povos ibéricos, a concretar-se na construción dun estado próprio para Galiza e o conseguinte pacto federal en pe de igualdade, cedendo ao estado federal as competencias que o povo galego en pleno exercicio da sua soberanía nacional quixese. Polo tanto, o Partido Socialista Galego non é independentista. Ora, habería que demostrar que a independencia pode garantir a integridade soberana da nación. ¿quizais unha independencia semellante á que disfruta o Eyre pode impedir que sexa mais que nunca unha neocolonia inglesa pésie a súa independencia formal? Non sei que ten que ver todo isto coa dereita ou a esquerda de GC.

No tocante ao comunismo, evidentemente o PSG non é un partido comunista, calificativo, por outra parte, que non é hoxe garantía de moito véxase o PC. No seu congreso do ano 1980, o noso partido, rexeita o clásico partido modelo M-L de partido blanquista, de centralismo democrático, burocratizante, substitutório das masas na acción revolucionária, en fin, de partidos que deron boa mostra do que eran capaces de dar de si ao longo da história do século XX. Non, non somos comunistas.

A prática de esquerda hoxe en Galiza non consiste nun circense “aínda máis dificil” para abraio de contertúlios, nen para o deseño dun espectro político ao uso no que supoño que se o PSG e alguns independentes son a ala dereita (ao dicer sempre de Méndez Ferrín) GC aparecería, para manter un teórico equilibrio formal como a ala esquerda. Habería que preguntar á UPG se aceita o papel de lastre ou corpo morto central de semellante aparello voador.

Nós non temos que abraiar e ninguén, non construir alambicados esquemas. Abonda-nos con facer o que compre. Sabemos que é necesaria a unidade do nacionalismo en Galiza, como o sabe o noso povo, e por iso traballamos a prol dela. Traballamos na construción dunha frente amplia na que teñan cabida todos os nacionalistas que asuman os princípios de que se dote na sua asemblea constituinte e un funcionamento aberto e democrático. Porque queremos unha organización ampla e participativa propugnamos unha estrutura asembleária, limitando a intervención dos partidos como tais e primando a participación individual. Curiosamente a proposta de GC é a menos participativa e totalmente incapaz de recoller axeitadamente a pluralidade que hoxe participa no proceso, o que non deixa de ser chocante cando un se apresenta como inquedo pola manipulación das “cúpulas”. A intencionalidade fica clara cando vemos que na sua proposta aparece o direito para as organizacións de designar directamente representantes en todos os órganos e a todos os niveis de decisión política da nova organización.

A prática de esquerda ten máis que ver coa asisténcia á marcha contra a OTAN de Ferrol (úlo GC) que con impider a toda costa que nos borradores de debate da Xestora apareza o termo soberania nacional ou que o lema unitário do Dia da Pátria Galega fose “Galiza nación frente á Constitución” sabendo que a Constitución española de 1978 é instrumento legal de opresión e de explotación e que é tarefa primordial de calquer galego e demócrata impider a sua sacralización e promover a súa reforma ou substitución.

A prática radical, a que permite o cámbio, a superación do sistema, a prática temida polo poder é a que traza a liña que separa os amigos dos inimigos; esa é a prática da esquerda.

Unha derradeira reflexión, a xeito de pregunta, para aqueles que queiran matinar: ¿qμé denominador común, que interés coincidente -entre La Voz de Galicia (articulos e notas de redacción, escritos de C.L. Rodríguez, etc.), Esquerda Galega (textos vários, declaracións dos seus dirixentes á amável -con eles-prensa,…) e Galicia Ceibe (Dosinda Areses, carta dos presos ou o artigo que motiva o presente en tentar de silenciar a preséncia do PSG en todo o proceso unitário?

Modestamente, penso que é porque o PSG é un partido molesto, é dos partidos que axudan a tracexar a liña; un partido que é un perigo real ou potencial para moitos inimigos da nosa Patria.

Mas, como titulou Pirandel!o a sua obra sobre o equívoco.”Cosi é se vi pare”. Sigamos xogando o xogo da confusión. Pero non ..

A NOSA TERRA do 23 Setembro 1982