Select Page

Rousseau en “Les Confessions”:

« Je n’ai rien tu de mauvais, rien ajouté de bon; et s’il m’est arrivé d’employer quelque ornement indifférent, ce n’a jamais été que pour remplir un vide occasionné par mon defaut de mémoire. J’ai pu supposer vrai ce que je savais avoir pu l’être, jamais ce que je savais être faux.

Toda unha proclama -e aviso a navegantes, por certo-, do seu autor no que e considerado o primeiro, e canónico, libro de memorias da historia da literatura. Unha proclama da súa honradez ao tempo que un aviso a quen tente meter a navalla a atopar inexactitude. Trataríase de ornamentacións varias ou falla de fidelidade aos feitos por falla de memoria no escrito. Rousseau defende a veracidade do que relata, iso si, sométese ao xuízo do lector mellor informado.

Fellini en “Amarcord”:

A laureada, gozada e ben amada “Amarcord” tamén son as confesións -con todas a mutacións de tempo e modo que poden operar-, do seu autor xa desaparecido hai un tempo, menos que Rousseau por certo. En Fellini atopamos outro xeito de narrar, de compartir “memorias”, o propio título do filme fai referencia a iso. Fabulación? Imaxes oníricas, icónicas que asumimos como propias. As lembranzas de Fellini puideron ser así ou non, pero poucas veces os soños deron tanta verdade.

Gustarei de abrir neste blog un fío de insercións sobre cousas que lembro, evidentemente, cousas que dalgún xeito penso que poden ter interese para quen as lea. Etiquetarei como “Amarcord”.

Aviso: non se trata de intimidades. Gastei moito tempo da miña vida a idear, participar, facer e desfacer en tarefas colectivas que dun xeito ou doutro son coñecidas por outras fontes, outros relatos, non vou abrir ningún melón, so pretendo contar cousas como eu as vivín e sentín ao meu xeito. Procurarei con di Rousseau “non calar nada malo, non engadir nada bo”, nin para vilipendiar, nin para parecer eu mellor, conscientemente, engado eu.

  • A boa foto miña de novo do inicio fíxoma X. Lobato canda a fundación do BNG en Riazor se non me falla a memoria.
  • A parodia do Padriño seica é dun perfil dun grupo con seudónimo que algúns vencellaron a Podemos, eu non o sei.

P.D.: Veño de recibir o magnífico traballo do meu amigo Carlos sobre a persecución franquista no Val de Miñor. Na introdución hai unha moi boa cita de W.Benjamin que ven moi a conto deste inserto meu, por iso fago esta engádega un tempo despois:

“O cronista que fai relación dos acontecementos sen distinguir ente os grandes e os pequenos responde así á verdade de que nada do que tivo lugar algunha vez debe darse por perdido para a historia. (…) Acaso nas voces ás que lles prestamos oído non resoa o eco doutras voces que deixaron de soar? É tarefa máis ardua honrar a memoria dos seres anónimos que a das persoas soadas. A construción histórica está consagrada á memoria dos que non teñen nome.”