Select Page

“O cronista que fai relación dos acontecementos sen distinguir ente os grandes e os pequenos responde así á verdade de que nada do que tivo lugar algunha vez debe darse por perdido para a historia. (…) Acaso nas voces ás que lles prestamos oído non resoa o eco doutras voces que deixaron de soar? É tarefa máis ardua honrar a memoria dos seres anónimos que a das persoas soadas. A construción histórica está consagrada á memoria dos que non teñen nome”.

Veño de recibir o magnífico traballo do meu amigo Carlos sobre a persecución franquista no Val de Miñor. https://www.laiovento.gal/CATALOGO/1070/CATAS-NA-MEMORIA.html Na introdución recolle esta moi boa cita de W. Benjamin que ven moi a conto deste inserto meu porque ten razón, as pequenas cousas son as que explican e complementan as grandes cousas, do mesmo xeito que a vida cotián nun momento histórico determinado, unha anécdota, unha imaxe explica e mesmo xustifica os cumes que sobresaen.

Como xa anunciei estou en modo “Amarcord” e citas como a de Benjamin anímanme a contar cousas, cousas que eu vivín, cousas que coñecín.

Veño de recibir a triste nova de que morreu a miña prima Alba, a filla de Xoán López Durá, aló en México onde o exilio dos seus pais -tío Juanito e tía Cari rescatados do fascismo e dun campo de concentración en Franza, creo que en Poitiers, polo Presidente Cárdenas penso que no Sinaia https://es.wikipedia.org/wiki/Sinaia_(buque) -, levouna a nacer e vivir aló, a verdade que non moitos anos porque acaba de ser vítima do que eu chamo a “maldición dos López loiros”, os morenos duramos algo máis ao parecer. Dela souben cousas que nin sospeitaba da nosa familia, tal era o silenzo que rodeaba as nosas infancias naqueles anos da posguerra e de represión.

Debía ter ela uns 13 anos cando a mandaron vir pasar un ano a Ribadeo con nós, supoño que para coñecernos e se cadra os seus pais tiñan moito interese en que coñecese as súas raiceiras. Pasou por Madrid onde a recolleu un seu tío materno e logo veu canda nós.

Foi no ano 1968 lémbroo ben porque foi o ano da Matanza de Tlatelolco https://es.wikipedia.org/wiki/Masacre_de_Tlatelolco o 2 de Outubro, eu debía de estar xa a piques de marchar para Pamplona onde levaba xa un curso estudando arquitectura. A prima Alba puxérase moi inqueda cando soubemos da nova, tiña medo de que no montón fose o seu irmán Juan Antonio “Goldi” – non sei deste alcuño se vén porque de neno fora gordiño ou porque era moi louro- meu pai tivera que chamar por teléfono para saber del. Pedir conferencia a México naqueles anos non era moi usual, debeu custarlle un ril.

Era moi activa, grandota e andaba sempre colgada do meu pai tirándolle dos tirantes de goma dos pantalóns e soltándollos de repente cun sonoro plas. Non sei como llo aguantaba estoicamente. Daquela dela lembro pouco máis.

Na nosa casa había dúas referencia americanas.

Unha era Cuba onde a miña aboa –nacida en Arxel pero criada en Cuba casou co meu avó Juan López Andrade de San Miguel de Reinante- aínda tiña a súa nai, unha irmá e unha sobriña. A bisavoa Mariana era provenzal casara cun valenciano e migraran a Cuba pouco despois da independencia, durou moitos anos, de feito morreu antes a súa filla, ou sexa a miña avoa.

Os restos desa familia acabaron en Miami nos anos 70 pasando por aquí tamén unha tempada en Ribadeo “en tránsito”.

A outra era México onde nós tiñamos un tío por parte de pai, Xoán López Durá e outro pola parte de nai, Emilio Rico Díaz, o primeiro exiliado e o segundo emigrado económico.

Lembro as cartas de papel avión cos selos de Cuba e México que eu coleccionaba e que eran envexa dos meus amigos. Do tío Juanito eu sabía que marchara cara aló dende Alemaña onde estaba facendo un “postgrao” e seica decidira non volver dado o golpe de estado e a guerra que montou Franco contra a República. Pouco máis sabia, tiña eu unha vaga idea de certa desafección co “réxime” pero pensaba daquela que simplemente marchara para fuxir dun conflito bélico.

No ano 2010 fixen unha viaxe a México cidade para participar nun curso que organizara unha universidade mexicana.  Eu levara unha comunicación sobre os trabalos de rehabilitación na Coruña, en concreto sobre as ARI (Áreas de Rehabilitación integral) que xestionabamos dende a Concellaría de Rehabilitación e Vivenda. Acompañaba eu a X.L. Martínez o arquitecto que tamén tiña participación nese encontro, de feito foi el que me “fichou”.

Nesa viaxe tiven a ocasión de parolar de vagar con Alba e a súa familia, e de aí a versión ocultada de toda esa odisea que para min foi unha revelación. Meu tío que, como xa dixen, estaba en Alemaña no 36 volveu á zona republicana e combateu no exercito leal ate que rematou a guerra e fuxiu a Franza que foi onde coñeceu á súa compañeira futura Caridad Martín. Algo diso podedes atopar na tese da Guiomar Acevedo López filla de Alba editada no ano 2011.

https://repositorio.unam.mx/contenidos/entre-memoria-y-olvido-ochenta-anos-del-pasado-contemporaneo-espanol-120360?c=lbk5n8&d=false&q=*:*&i=1&v=1&t=search_1&as=0

Teño tamén, grazas á Alba, copia dunha carta de meu pai ao seu irmán escrita dende Londres o ano 46 no que lle contaba como estaban as cousas e recomendando mellor non volver do exilio por si acaso.

Que vos parece que eu soubese desta carta 34 anos despois da morte de meu pai? Alucinante como se nos ocultou todo!