Select Page
Breve conversa entre o xornalista Rambert que quere escapar da cidade para ir coa súa moza en París, co funcionario Tarrou e o médico Rieux que están a organizar patrullas sanitarias.
Preguntoulle a Rieux como andaban as formacións sanitarias. Había xa cinco equipas de traballo. Agardaban conformar aínda máis. O xornalista estaba sentado sobre o seu leito e parecía moi ocupado nas súas unllas. Rieux fitaba a súa silueta pequena e vizosa, encrequenada no borde da cama.
- Sabe, doutor, dixo, teño matinado moito sobre a súa organización. Se non colaboro con vostede é porque teño  as miñas razóns. Polo demais, creo que eu xa fixen abondo pola humanidade, fixen a guerra en España. - En que bando? preguntou Tarrou. - No dos vencidos. E dende aquela teño reflectido un chisco. - Sobre que? comentou Tarrou. - Sobre a afouteza. Agora sei que o home á capaz de grandes accións. Pero se non é capaz de grandes sentimentos, non me interesa. - Teño a impresión de que somos capaces de calquera cousa, dixo Tarrou. -Non, o home é incapaz de sufrir ou de ser feliz durante moito tempo. Logo, non é capaz de nada que mereza a pena.
Fitando para eles, seguiu:
- Vexamos, Tarrou, sería vostede capaz de morrer por amor? - Non o sei, pero coido que non, a día de hoxe cando menos. - Ve. Sen embargo, vese ben que vostede sería capaz de morrer por unha idea. Pois ben, no que a min respecta, xa teño abondo de xentes que morren por unha idea. Non creo no heroísmo, sei que é doado, pero cheguei á conclusión de que é mortífero. O que me interesa é que se viva e se morra polo que un quere ben.
Rieux tiña escoitado o xornalista con suma atención. Sen deixar de miralo, dixo docemente:
- Rambert, o home non é unha idea.
O outro saltou do leito coa faciana inflamada de paixón.
- É, é unha idea pequena, a partir do momento no que deixa de lado o amor. Precisamente, nós xa non somos capaces de amar, doutor. Agardemos dos acontecementos e se verdadeiramente non é posíbel, agardemos a liberación xeral sen xogar aos herois. Eu non sigo, non vou máis aló.
Rieux ergueuse, cun aire de repentino cansazo.
- Ten vostede razón, Rambert, toda a razón e por nada no mundo eu tentaría impedirlle de facer o que vai facer, porque me parece xusto e bo. Pero sen embargo teño que dicirlle algo: non hai heroísmo en todo isto que facemos. Trátase de honestidade: Igual isto pode facerlle graza, pero o único xeito de loitar contra a peste é a honestidade. - Pero, que é a honestidade? dixo Rambert de repente moi serio. - En xeral non sei o que é, pero no meu caso, sei que consiste e facer o meu traballo. - Ah! dixo Rambert cheo de xenreira, eu non sei cal é o meu oficio. Se cadra son dos que se equivocan escollendo amar.
Rieux fíxolle fronte:
- Non, dixo con forza, vostede non está errado. .../...
A primeira hora do dia seguinte, Rambert chamou por teléfono ao doutor:
- Aceitaría que traballe con vostede ate que atope un xeito de escapar da cidade? Fíxose o silencio no outro lado da liña, e ao pouco: - Si, Rambert. Agradézollo moito.
Unha ollada á privacidade

Esta web utiliza cookies para darche a mellor experiencia. As cookies gardanse no teu navegador e habilitan funcionalidades como a de recoñecerte cando voltes á web ou axudarnos a saber cales son as seccións máis interesantes para os que a visitades.