Aló polo mes de xullo de 2013 fixen esta pequena colaboración no xornal LV. Nesta categoría de Exhumacións non ven mal facer un pouco de historia. Vai tal cal.
Coma no ballet clásico, tras unha barafunda de danzantes arremuiñadas, a música tórnase máis seria e iníciase o “pas de deux”. Este paso executado por dúas persoas, normalmente unha muller e un home, pero tanto ten para este simil, contén varias figuras canónicas: o “paseo” no que a bailarina sobre a punta dun só pe xira sostida polo bailarín que camiña ao seu redor, as “pirouettes” nas que o bailarín (des)estabiliza á bailarina para que poida xirar cada vez máis veloz, ou a “levantada” na que a bailarina en pose de paxariña é alzada en peso polo bailarín.
O espectáculo é de tan baixa calidade que o público comeza a remexer nos seus asentos, a tusir, mesmo óense os primeiros asubíos. A dirección da compañía promotora do espectáculo, que non aforra recortes no presuposto da función, só para incrementar o seu beneficio, observa dende o palco, non se sabe se divertida ou preocupada.
A bailarina trémula, dá un traspés, cae, prende o tutú nas candilexas –a delirante escena acontece no século XIX que estamos a vivir-, o lume prende no pano e logo nas bambolinas, arde o teatro enteiro. Sálvese quen poida!
Final Reichstag, ou apocalíptico, no que o público desnortado convertido en turba proxecta o seu descontento en si propio e propaga o incendio ao resto da cidade. Non acerta cos responsábeis e entrégase a un delirio autoritario.
Final feliz, os cidadáns asistentes saen dilixentemente do edificio que comeza a derrubarse, e na praza pública dialogan para atopar unha saída, a constitución dunha compañía que realmente os represente e constrúa un edificio novo.
As asisadas persoas lectoras non precisan poñerlle nome á compañía nin ás dúas saídas posíbeis a este espectáculo. Podemos dubidar de canto pode durar, iso si, tres meses? unha lexislatura?
Ninguén de nós quere a saída ao fascismo, pero o perigo está aí, os síntomas son preocupantes -fobia a política e aos políticos, xenofobia, incremento do machismo- non é saída má para o director da compañía, ten moita experiencia nestas lides.
Creo que está nas mans cidadáns, dar fin a este espectáculo do xeito máis “civilizado”, poñer fin á segunda restauración borbónica e provocar a creba democrática que permita un proceso constituínte republicano a partir da soberanía das diversas nacións que hoxe integran o estado español.
Por certo, a bailarina non é Bárcenas.
Comentarios recentes