Select Page

Escribia hai uns meses en “A Peneira”

“Temos unha poboación envellecida, a nosa xente nova está a marchar -máis preparada que nunca-, buscarse a vida alén das nosas fronteiras, unha auténtica enxurrada de futuro que se perde, o rico mundo rural, a gandaría e agricultura esmorecendo, os montes enchéndose de eucaliptos, as fábricas a pechar nun proceso de desindustrialización brutal, desapareceu o pouco que había parecido a unha banca galega como as caixas de aforros. Non estamos ante nada pasaxeiro, é estrutural ese desaxuste de Galiza no Estado Español. Non hai corpo que aguante a sangría que sofre o noso País. Sinceramente, pouco ou nada se albisca, dun futuro mellor de non mudar radicalmente as cousas.”

Nada cambiou dende que tiña escrito isto, é máis, eses procesos agudízanse e as estatísticas falan de dunha aceleración desta desfeita. Isto só pode ser invertido cun acceso urxente e a moi curto prazo do nacionalismo ao Goberno da Xunta, mesmo coas escasas competencias dunha autonomía outorgada algo pode facerse aínda que só sexa frear a demolición sistemática levada a cabo polo PP.

Poderá o nacionalismo non repetir o circulo vicioso que o levou no 1997 a ser segunda forza e agora de novo no 2020, integrar e aproveitar todo o potencial dos que se reclamen da defensa do País?

E aquí está de novo o grande dilema endémico do nacionalismo galego: como chegarmos á parte da sociedade galega á que nunca chegamos sen deixar de sermos nós o instrumento que dicimos ser para a liberación nacional e social de Galiza, unha escolla entre sobrevivir cun 20% aproximado de apoio electoral da cidadanía preservando as esencias ideolóxicas ou inverter todo ese capital humano, organizado ou non, na procura dese 35% mínimo que din os expertos que poden permitir acadar status de forza de goberno?

Por poñer un símil espacial, teremos a enerxía suficiente para poñer un órbita o foguete que alumee un goberno galego soberanista? Este é o dilema para min: Cando e como facemos o lanzamento?

Haberá quen diga que se trata de acumular previamente forzas, enerxía, que neste momento non se ten, agardar tempos mellores e mentres tanto “ocupar” espazos nas institucións pero sen cambios substanciais, iso si, mantendo un discurso claro, purista e que pode reforzar a resistencia en montantes non moi extensos da sociedade que terían que mobilizar. Creo que isto ten bastante que ver coa vella disxuntiva do “que facer” cando a revolución non se albisca moi propia na praxe dos partidos comunistas da Europa occidental e dito sexa de paso … non só dos PC’s clásicos.

Outros poden pensar que se debe facer un grande esforzo de sedución urxente deses cidadáns que non apoian o nacionalismo pero que poderían sumarse como medio para saír deste marasmo de explotación neoliberal demencial na que nos atopamos e na procura de fórmulas republicanas para as nacións do estado. Lanzamento urxente do foguete espacial antes de que a sangría nos deixe sen país que defender ou nunha situación de prostración total. Algúns tentámolo cos procesos de Encontro Irmandiño, despois Anova e fórmulas electorais como AGE e xa doutro xeito En Marea. Creo que o camiño debía ter sido ese para engrosar o caudal “patriótico” a sumar aos da outra vía que poderiamos nomear resistencialista, pero topamos precisamente con persoas e organizacións que estaban a practicar o antes citado de revolucionarios sen revolución e algún material humano trepa e pestilente.

Moitos agora andan (andamos) anunciando procesos de reflexión, pois ben, como dicían os do Maio francés: Sexamos realistas, esixamos o imposíbel.

E digo eu poñemos toda a carne no asador xa?.