Select Page

Supoño que todos máis ou menos tivemos algunha baixa na nosa listaxe de contactos no móbil. É ben certo que máis cando tes uns aniños e menos cando aínda che queda moito percorrido.

Ti cantos levas?

Teño que recoñecer que non borrei ningún, na miña descarga tamén que non os teño contados, pero a ollo seguro que pasan ben dun par de ducias. Non é moito, dado que en total ando polos 1.000 pasados, pero ultimamente vaise acelerando a cousa… digamos que inexorabelmente.

A verdade que pode parecer morboso, pero resístome a borralos, é como se ao facelo desaparecese un derradeiro vencello cuns díxitos medium que me permiten un contacto con alguén, unha fiestra no tempo, aínda que sexa con alguén case descoñecido e que tivese entrado na miña vida de xeito circunstancial e mesmo esporádico.

SE cadra ten que ver con ese costume dos maiores de ir aos enterros e legrase porque aínda non é o teu, ir levando por diante, ou mirar nas esquelas os anos dos que van morrendo, o nun concerto mirar a idade que tiñan os teus músicos preferidos cando morreron: Bach 65, Mozart 35, etc..

Onte C eliminou a M, fixo ben. Eu gardareino na miña axenda de contactos mortos.

Porque hai un grado aínda máis terríbel: cando desaparece alguén que tes nun grupo de Whatsapp ou noutro calquera deses que usas para quedar, verte, ou mesmo para enviar chorradas que andan polas rrss. Neste caso o que parece máis razoábel é a eliminación, sen máis. Ese contacto sereno e íntimo que temos cos nosos números mortos non son para soltalos alegremente nunha rolda para ir tomar unhas cañas, quedan para a melancolía solitaria.