Select Page

Estes días que andei un pouco recluído e tiven tempo para fedellar en cousas que tiña gardadas atopei unha tese do PSG que se aprobara nun Congreso creo que aló polo 1978  nunha sesión celebrada no Quiosco Alfonso da Coruña. Tiña reflexións moi interesantes sobre as nacións e as clases sociais na Historia, si, Historia así con maiúscula.

Agora que anda todo tan revolto, tempos nos que a perversión da palabra que comentaba nun post o outro día, cando á cuestión nacional se lle chama problema territorial, ou cando se iguala nacionalismo liberador co imperialismo agresivo, hai argumentos que recollo e poño aquí a seguido. Trátase mesmo dunha paráfrase ou dunha adaptación do texto orixinal ao meu xeito de contalo. É moi longo, xa o sei, pero podes facer unha lectura rápida nos destacados e se che interesa entra no texto completo

Unha evidencia: as nacións existen, son unha realidade histórica obxectiva semellante ás clases sociais.

A nación é un grupo humano diferenciado dos demais por unha cultura antropoloxicamente específica que comporta un conxunto de trazos de moi diverso tipo (ideolóxicos, lingüísticos, institucionais e máis, polo común, pero non necesariamente,unha especificidade económica e unha exclusividade territorial). Estes trazos. son tanto de afirmación positiva da cultura como de diferenciación respecto ás outras culturas. A ausencia dalgún trazo diferenciado non abonda para negar a especificidade cultural, pois o que conta é o complexo cultural, o todo, e non cada unha das súas partes.

Do mesmo xeito que existen persoas sen conciencia de clase, tamén hainas que pertencen a unha nación non teñen conciencia diso.

Do mesmo xeito que as clases teñen unha realidade obxectiva, que ven dada pola existencia obxectiva dunhas determinadas relacións de produción, con independencia de que os individuos que a integran teñan ou non conciencia de pertencer a esa clase, tamén a nación é unha realidade histórica obxectiva, que ven dada pola existencia obxectiva dunha cultura específica, independente da vontade dos seus individuos e de que estes teñan ou non conciencia de pertencer a esa nación.

As relación de clase non se dan en abstracto, están totalmente vencelladas e condicionadas pola realidade nacional na que se producen.

As clases nacen e morren. As nacións tamén. As clases cambian de natureza, de tipo, ao cambiar as relacións de produción. As nacións cambian de natureza, de tipo, ao cambiar as clases que a integran, pero contrariamente á clase -que morre coa relación de produción que a define- as nacións non teñen por que morrer cando desaparece unha estrutura social para dar paso a outra. Para que unha nación desapareza téñense de dar outras condicións. E, pola contra, unha nación pode desaparecer como tal sen que cambie basicamente a súa estrutura social: abonda con que se dea un proceso de aculturación a outra nación (que pode ou non ir aparellado cunha fusión das respectivas clases dominantes) ou a combinación de dúas ou máis culturas para xerar outra radicalmente diferente das iniciais. Na Historia hai moitos exemplos de todas estas posibilidades, polo que compre afirmar a autonomía relativa dos procesos de cambio social e evolución das nacións.

Se é moi certo que a loita de clases é o motor inmediato da Historia, non o é menos que esa loita se ve fortemente condicionada polo marco nacional no que se ten de desenvolver. Marco nacional que non podemos confundir co Estado, nin sequera cando o Estado sexa uninacional, pois o Estado non é unha condición mediata da loita de clases, senón un produto directo desta (aínda que un produto activo que, a súa vez,intervén nesa loita),e por iso non presenta esa autonomía relativa respecto loita de clases que é típica do feito nacional.

É a nación unha categoría burguesa? Moito temos escoitado esta aseveración moi lixeira en xentes que no queren recoñecer a condición nacional no que están inmersas e só ven coas “orelleiras” da clase. Este tipo de negación dáse moito aquí en forzas denominadas progresistas que curiosamente asumen o concepto colonizador da concepción burguesa de nación “española”.

Temos escoitado entre xentes de esquerda e mesmo historiadores de que a nación é unha categoría e unha realidade históricas que nace coa burguesía, de onde algúns deducen o aberrante corolario de que todo nacionalismo é burgués.

O que nace coa burguesía é certo concepto de nación e máis unha conciencia xeneralizada da nación do mesmo xeito que tamén nace coa sociedade burguesa o concepto de clase, pero iso non autoriza a afirmación de que antes non houbo clases, como ninguén pensaría en serio que a lei de gravitación universal non funcionou ate que foi descuberta por NEWTON.

A nación é anterior ao seu descubrimento pola burguesía e sobreviviráa. En efecto, alí onde a burguesía coidou ter forzas dabondo para controlar un Estado plurinacional ou chegou a facelo (Francia, Gran Bretaña e mesmo España na primeira metade do século XIX), adoptou o concepto de nación que lle conviña: a nación era o conxunto dos cidadáns do Estado que constitúen unha sociedade oposta nun corpo único ao rei e a organizar de acordo co programa político, económico e social da burguesía, mais cun desprezo absoluto, e cunha hostilidade clara cara a realidade e os dereitos das nacións que de feito abrangue ese Estado.

Soamente cando a burguesía necesita reivindicar a construción dun Estado uninacional inexistente para levar a cabo a súa revolución, para facerse co poder (Alemaña, Italia), ou ben cando pertence a unha nación premida por un Estado máis amplo (Catalunya, Irlanda, etc…) desenrola un concepto de nación baseado, non nun programa de cambio político, senón nunha realidade histórica obxectiva, é dicir, na preexistencia dunha comunidade étnico-cultural específica, na preexistencia dunha nación real.

Tanto nun caso como noutro, o paso da nova sociedade burguesa conleva o derrubamento dos valores ideolóxicos do Antigo Réxime e un desenrolo sen precedentes da loita política. A relixión e a fidelidade ao monarca de dereito divino deixan paso á liberdade, á soberanía “nacional”, patria, etc… como valores-símbolo dominantes, valores que, naturalmente, a burguesía tinxe da súa cor, pois para algo é a clase emerxente, a clase chamada a exercer a hexemonía política, social, económica e ideolóxica.

O nacionalismo moderno nace tinxido de valores burgueses, como nacen tinxidas de valores burgueses as propias actitudes políticas do proletariado, o cal, pese a que as condicións materiais da súa existencia o puxan con forza en dirección contraria, tardará moitas décadas en rachar as súas ataduras políticas e ideolóxicas coa burguesía.

A instrumentalización da nación feita polas burguesías “nacionais” leva á falsa identificación de nacionalismo con burguesía.

O feito de que a burguesía, mentres puido e lle conveu, instrumentalizase para os seus fins tanto o concepto de nación no plano ideolóxico como a forza do nacionalismo no plano político, non abonda para establecer unha identidade esencial burguesía co nacionalismo. Os numerosos movementos nacionalistas revolucionarios da historia contemporánea amosan nidiamente, coa contundencia da súa realidade innegábel, a falsidade desa proposición.

O carácter de clase do nacionalismo, como o de calquera movemento histórico cunha base social non coincidente cunha soia clase, virá dado pola correlación de forzas entre as clases da nación e pola natureza dos intereses a curto e longo prazo das clases dominantes, e non soamente da clase dominante desa nación senón tamén das que controlen aqueles Estados cunha incidencia inmediata sobre a vida daquela nación. Isto é particularmente aplicábel ao caso das nacións premidas por un Estado alleo, sexa mediante un colonialismo “exterior” de tipo convencional, sexa mediante o chamado colonialismo “interior”.

O carácter revulsivo dos nacionalismos no capitalismo actual é o que motiva a sistemática satanización, deturpación, manipulación dos media en mans do poder da palabra nacionalismo. Trump é nacionalista, Putin é nacionalista, etc…

Por outra banda, na actual etapa do capitalismo mundial, coa crecente internacionalización do capital monopolista e a conseguinte extinción des contradicións antagónicas entre as diferentes oligarquías financeiras dos países desenrolados -oligarquías que hoxe están en trance de fusión-, coa conxelación dos enfrontamentos directos entre o capitalismo monopolista internacional de “Occidente” e o capitalismo estatalizado de “Oriente” e, sobre todo, coa supeditación irreversíbel das burguesías “nacionais”, as loitas de liberación nacional adquiren un carácter popular anticapitalista.

As burguesías atopan cada vez máis dificultades para hexemonizar politicamente os nacionalismos, agás nos casos en que estes son en realidade patrioteirismos reaccionarios e militaristas, simples armas propagandísticas para tentar de fanatizar ás xentes dun Estado contra dos pobos colonizados e explotados. Pero este derradeiro reduto do”nacionalismo” burgués esta xa totalmente baleiro de auténtico contido nacional, pois non pode reivindicar dun xeito críbel a defensa dunha nación, a súa realización como tal nación e pola contra é cada vez máis difícil enmascarar o seu verdadeiro obxectivo: a agresión do Estado as nacións.

Non hai liberación das persoas en abstracións utópicas, esa liberación so pode darse en sociedades concretas, en grupos humanos que practican en vencellos de vivencia: Os dereitos humanos sono e so poden ser exercidos na colectividade na que vivimos realmente.

Se a loita polo socialismo procura a liberación integral das persoas, non pode ficar soamente no esforzo pola realización dos dereitos destas como individuos e como membro dunha clase explotada, ten de se esforzar tamén por facer realidade os dereitos das persoas como membros da súa nación.

As persoas sono en sociedade, para ben ou para mal, en sociedade para falar, para pensar, para traballar, para educarse, para explotar ou ser explotado, para dominar a outros ou ser dominado por eles. Pero tamén sono en sociedade para rematar con toda explotación e toda dominación, e esa forma social de existencia non é abstracta, senón moi concreta: é a nación á que pertence sexa consciente ou non.

Concibir a sociedade socialista futura como unha igualación absoluta, como unha xeometrización infinda e uniforme da humanidade é un proxecto ahistórico, utópico no senso etimolóxico da verba, ou sexa , fora de todo lugar real. Pola contra toda sociedade socialista, como todos os tipos de sociedades humanas anteriores, concretarase en grupos humanos reais e por reais culturalmente diversos, nacionalmente diversos.