A Fundación Galiza Sempre pídeme participar nun proxecto audiovisual sobre o 40 aniversario da fundación do BNG. Agradezo moito terme chamado para partillar as miñas lembranzas Isto é unha transcrición aproximada porque entendo que todo o que dixen por mor da brevidade e de dar cancha a outros entrevistados non vai poder ser recollido na súa integridade.
PROXECTO “AS NOSAS VOCES” 40º ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DO BNG
1. QUE AMBIENTE POLÍTICO SE VIVÍA EN 1982 NA GALIZA?
A chispa que provocou o proceso que logo daría lugar á fundación do BNG foi unha certa decepción e preocupación porque os nacionalistas nas súas varias formulacións partidarias estabamos a comprobar que o traballo calado durante o franquismo que nós pensabamos tiña hexemonizada a política galega pre-constitucional -ou pre-electoral se se quere-, no momento no que tivemos que competir electoralmente démonos conta que non era tan doado, que a reforma estaba trunfando, que aquí ía haber un bipartidismo dinástico como se adoita chamar e que tiñamos que sumar esforzos. A maquinaria da reforma estaba a tope, o bipartidismo dinástico estaba aínda en cueiros e a pata da dereita estaba sen consolidar pero funcionou perfectamente o PSOE para o que foi criado. Tamén é de destacar que o carrillismo do PC facilitoulles bastante as cousas. Xa houbera competición entre nacionalistas do PSG e a AN-PG, veu toda a cuestión do Estatuto de Autonomía, o referendo do mesmo que se aprobou cunha abstención brutal. Tiñamos logo a percepción que a pesares de todo o activismo nacionalista baixo a ditadura franquista e nos primeiros momentos da reforma había unha falla grande entre o que representaba socialmente o nacionalismo e os seus “réditos” electorais. Iso foi o que nos “chocou” un pouco a todos, a todos, repito.
O PSG viña de sofrer un proceso interno de decantación moi grande. Externamente había dúas correntes básicas do nacionalismo representadas polo PSG e a UPG que foran formuladas no ano 1962 coa fundación dos dous partidos, pero internamente no PSG había á súa vez dúas pulsións: a federalista de entendemento con outras iniciativas socialistas do resto do Estado que creo que era a idea xenésica do PSG, pero ao trunfar a Reforma exerceuse sobre o PSG unha presión moi forte por parte dos padriños do PSOE de Felipe González para que se chegase a unha solución á catalá, para que o PSG fose como o PSC na Cataluña e foi o que dividiu fortemente á militancia do PSG – que por certo era bastante abondosa – entre os que defendían esa fórmula e os que queriamos que o PSG fose unha forza política galega plenamente soberana, independentemente de que houbese acordos ou pactos estratéxicos con outras forzas similares noutras partes do Estado. A maioría do partido apostou pola fórmula galega xenuína dun PSG independente sen pactos estraños que limitasen a súa soberanía.
2. QUE ANÁLISES FIXERON QUE SE CHEGASE Á FUNDACIÓN DO BNG?
Así pois os resultados electorais foran rotundamente maos para todos. Se cadra habería que excluír desa avaliación negativa o éxito da coalición Unidade Galega entre o PSG, o POG de Camilo Nogueira e o Partido Galeguista para as municipais que dera lugar á primeira alcaldía democrática na Coruña para o nacionalista Domingos Merino do PSG, resultados moi bos tamén en moitos concellos -Pontevedra cidade por exemplo-, conseguidas nos chamados Pactos do Hostal para darlle a alcaldía á forza de esquerdas máis votada, resultados municipais que auguraban unha base electoral para algo como foi a Unidade Galega, pero que non se deu traducido en presenza no Congreso por exemplo.
3. CALES ERAN AS DIFICULTADES DE LANZAR UNHA ALTERNATIVA RUPTURISTA NUN MOMENTO NO QUE SE COMEZABA A EVIDENCIAR O ASENTAMENTO DA REFORMA POLÍTICA?
Chegamos á conclusión de que algo habería que facer, que tiñamos que entendérmonos, unha vez superadas as tensión internas do PSG, unha vez resolto que tipo de partido queriamos, houbo contactos exploratorios entre a dirección do PSG e a da UPG e comezamos a falar, a intercambiar análises. Lembro que se falaba moito dos escasos réditos electorais, de por que está trunfando a reforma política, por que se esta implantando en Galiza o bipartidismo español UCD-PSOE sen presenza nacionalista que dirixise os procesos políticos, etc… como xa comentei antes.
En todo este proceso por parte do PSG o que se mantiña era a idea de que tiñamos que facer unha alianza estratéxica entre as dúas correntes nacionalistas e as súas formulacións partidarias: a socialista e a comunista -por chamala dalgunha maneira-, aínda que non gosto de poñer etiquetas que así somo no caso do PSG a cualificación viña das súas propias siglas no caso da UPG non era así.
Eu asistín a moitas xuntanza polo PSG, eu e máis Luis Eyré, e pola AN-PG e UPG Francisco Rodríguez e Cuqui Fraguela. Estabamos niso cando viñeron sobrevidas unhas Eleccións Autonómicas, as primeiras, así que o que fixemos foi ensaiar esa converxencia e entendemento no campo electoral coa coalición Bloque-PSG. Faltaba moito por falar e por acordar, cousas tan importantes como que tipo de nova organización poderíamos facer en común.
Aí pesou bastante por parte das direccións do PSG e da UPG o lograr esa coalición pero había moitas reticencias, moitas delas locais, eu vivín moi de perto o caso da Coruña na que os concelleiros do BN-PG petardeaban ao alcalde nacionalista do PSG e iso creaba mal ambiente para a aproximación que estabamos a tentar de levar a cabo. O PSG foi con moitas prevencións formais por eses precedentes. O PSG fixo varias asembleas congresuais para tratar o tema, falouse moito de como se quería pola nosa parte que fose a nova criatura e unha delas, se cadra a máis determinante polo que supuña e polo que logo supuxo para a saída o PSG foi o nome. O PSG non quería renunciar a manter vida dentro do BNG senón tamén a ter unha presenza como tal partido e cunhas siglas históricas.
A coalición Bloque-PSG serviu para engraxar ese proceso, cooperar nunha campaña e perderse o medo mutuo. Foi un primeiro paso de achegamento, tímido de entrada, pero tiñamos claro que ese era o camiño: entendemento e cooperación, foi o laboratorio do traballo conxunto e o “reparto” de presenza institucional.
4. CAL FOI O PAPEL DA MESA DE FORZAS POLÍTICAS NA CREACIÓN DO BNG?
A constitución da Mesa de Forzas Políticas Galega, foi un chanzo máis de visualización pública dos entendementos que se estaban a producir en conversas discretas, aínda que non secretas, entre as direccións do PSG, UPG e tamén AN-PG, lembro moitas xuntanzas no local que tiña esta última enriba do Cine Iago en Santiago. A MFPG foi presentada polas tres forzas nunha sala do Hotel Compostela.
Foi moi importante nese momento o achegamento ao proceso de persoas a título individual que por unhas ou outras razón abandoaran a militancia na UPG ou no PSG como Ramón Muñiz ou Xosé Manuel Beiras, todos estabamos dando voltas ao redor da idea de entendemento que permitise ao nacionalismo determinar a política galega na medida que lle correspondese.
5. LEMBRAS COMO FOI O DEBATE SOBRE O NOME? POR QUE FOI UN DEBATE TAN IMPORTANTE?
Na Asemblea de Riazor o debate do nome foi moi importante, creo que non era un debate nominalista porque tras dese tema había actitudes e posicións políticas enfrontadas moi serias. Había a fórmula AN-PG-UPG que algúns pretendían manter cambiando o que houbese que cambiar pero manténdoa no substancial: hai unha parte asemblearia que é unha plataforma e hai un partido que a dirixe na clásica fórmula ML de movemento de masas dirixido por un partido guía. Creo que iso foi o que estaba detrás do toda a movida do nome. Por parte do PSG defendiamos unha fórmula que permitise que as decisión se tomasen democraticamente por todas as persoas adscritas, no que sería unha auténtica Asemblea Nacional, pero por outra banda tiñan que existir os partidos non só seren tolerados. Quen procedida, quen iniciara a fórmula Fronte-Partido non quería renunciar a iso pero por outra banda os que viñamos a participar nun proceso de constitución de algo novo -ex novo todo nun acto fundacional- propugnabamos que non só había que gardar as aparencias: se isto é un proceso novo ten que ter un nome claramente novo. Tiña a súa importancia, se estabamos facendo algo novo, o nome tiña que ser novo. Para min foi unha decepción e unha imposición da que se consideraba a pata máis forte. Aos que críamos fortemente na necesidade da unidade foinos moi difícil explicar iso dentro do PSG.
Penso que a UPG tiña moi claro que o PSG tiña que estar porque era quen lle daba credibilidade ao proceso, niso tamén coincidiamos os que dentro do PSG tiñamos máis claro que ese proceso non se podía frustrar. Demos a batalla do nome, perdemos, creo que foi un erro grande, porque BNG, que non era mal nome per se, viña “estigmatizado” por ter sido utilizado previamente. Barallábanse nome moi chocantes, lembro aos de Méndez Ferrín defendendo Fronte de Liberación Nacional, na miña opinión totalmente inapropiado para traballar e conseguir apoio cidadán para estar nas institucións que en última instancia era o motivo que sustentaba todo o proceso.
Houbo certas tensións na Asemblea de Riazor e para o PSG tivo un corolario lamentábel, unha maioría do partido considerou que non se cumpriran as condición postas pola asemblea para darlle o si ao aprobado na de Riazor do BNG, de feito esa decisión provocou a ruptura do mesmo e posterior saída do BNG cara UG co POG da maioría do partido. Por certo despois anos máis tarde na Asemblea de Ferrol do 1993 viñeron integrárense tamén como UG, pero perdeuse un tempo vital. O do PSG só pode ser entendido á luz de que viña de sufrir unha saída cara o PSOE da súa parte federalista e aínda que ficamos só os nacionalistas soberanistas o conxunto era moi sensíbel a ese tipo de cuestións da identidade do partido.
Todos os que asistimos tiñamos a idea de que estabamos a facer algo grande, algo necesario, bo para o País. O único debate tenso foi o do nome como xa comentei. Xentes como Méndez Ferrín que defendía o nome de FLN, os ecoloxistas de Arco Iris e os do PSG que eramos os que eramos máis reticentes co nome, ao final votouse, cada un levou os efectivos que puido levar e primou o tanto tes tanto vales e o resultado foi o que xa coñecemos.
6. CALES ENTENDIADES QUE DEBÍAN SER OS MÍNIMOS IDEOLÓXICOS E PROGRAMÁTICOS DUNHA ORGANIZACIÓN NACIONALISTA QUE AO MESMO TEMPO TIVESE VONTADE DE UTILIDADE AO PAÍS?
Nas cuestións de definición política non houbo grandes problemas nen discrepancias, todos tiñamos claros os principios que deberían rexer na nova organización, traballar pola adquisición da plena soberanía de Galiza, respecto do dereito de autodeterminación, todo iso tiñámolo moi claro. As cuestións desa índole non nos separaban, diciamos daquela que era máis o que nos unía que o que nos separaba. Eramos moi pragmáticos nesas cuestións, hai uns símbolos nacionais, unha bandeira, con ou sin estrela, temos un himno de nós, nada que engadir.
7. POR QUE SE OPTOU POR UN MODELO FRENTISTA?
Sobre a fórmula orgánica fixéranse moitas asembleas por comarcas das que nos encargáramos de convocar e promover os catro distintos integrantes do proceso – ANPG, Independentes, PSG e UPG -, nelas debatérase moito iso. Eu lembro de defender unha fórmula moi parecida ao que logo resultou o BNG, en teoría coexistencia de partidos políticos dentro cunha actitude de “maos fóra” e que as decisións fosen tomadas polas persoas inscritas democraticamente nos órganos da nova organización. Unha cousa mixta e moi dependente da vontade e do respecto desas regras de xogo por parte de todos. Ao final o único partido que ficou íntegro foi a UPG todos sabemos as tentacións que pode ter un cando está nunha organización que ten a capacidade de decidir o que facer.
O BNG funcionou moi ben os primeiros 15 anos, foi unha marabilla, chegamos a ser a segunda forza e primeira de esquerda do País, démoslle o primeiro “sorpasso” ao PSOE e chegamos a 19 deputados no Parlamento, como agora, pero un perdeuse polo voto da emigración daquela moi en mans do PP e as súas valixas diplomáticas. Foron unas anos de continuo crecemento e Galiza naquel momento comezou a pintar bastante no Estado. A partir dunha data que poderiamos referir sobre o ano 2000, debera ter sido o momento de reflexionar sobre o modelo e axustalo á nova situación política e á dimensión do BNG que comezaba a ser visto como forza de goberno por parte importante da sociedade galega. Hai que dicir que durante eses 15 primeiros anos a proclividade da UPG a dirixir foi moi discreta e aberta a dar cancha aos demais, a proba está en como se usou e permitiu que Beiras fose portavoz e candidato á presidencia da Xunta moito anos. Deuse cancha a quen podía dar imaxe de pluralidade. Eu mesmo sei que fun moi ben tratado nese proceso, participei na dirección moitos anos, creo que puiden aportar o que eu podía aportar.
8. COMO VIVICHES TI A ASEMBLEA DE RIAZOR? TES ALGÚN RECORDO ESPECIAL/ANÉCDOTA DAQUELA ASEMBLEA?
Eu saín coa sensación de ter participado en algo importante ao tempo que co desgusto de non poder ter conseguido todo o que o meu partido daquela pretendía e que non se dese atopado un nome mais acaido e que non satisfixese a todos.
Remato:
O BNG como fórmula de achegamento e de entendemento, con todas as chatas que se lle poidan poñer, adaptouse moi ben aos novos tempo de trunfo da Reforma Política e nos que a Ruptura Democrática ficaba desbotada polos acontecementos.
A risco de reiterar cousas e a visto do pasado, penso que cara adiante habería que reconsiderar moito o modelo: a pesares de ser fondamente democrático o BNG, sempre ten o partido guía no interior que é quen en última instancia permite que se decida unha cousa ou outra. Lembro en concreto canda a decisión de xurar a constitución todo estaba no aire pendente dunha asemblea extraordinaria da UPG no Auditorio da USC, se non probaban iso non se faría, e así con outras cousas. Como xa dixen este modelo funcionou 15 anos e cando comezou a renxer tiñamos que ter collido o touro polos cornos e mudar o que fose preciso. Non se fixo e así chegamos á creba de Amio e aí comeza outra histotia.
Comentarios recentes