Select Page

Foto do lavadoiro do PIpelo e da Fortaleza, hoxe o Cantón

Colaboración aumentada para publicación do 50 aniversario da Agrupación “Francisco Lanza”

O título desta fermosa película de Fellini na que, el xa vello, tira das súas lembranzas de neno na súa vila natal, incítame do mesmo xeito a tirar eu da miña memoria para apuntar na celebración do 50 aniversario da Agrupación Cultural cousas que teño gravadas moi dentro. Como tiña limitación de espazo, agora nesta versión para o blog engado algún detalle máis.

O núcleo inicial que deu lugar a moitas historias posteriores foi un grupo de nacionalistas cos que tiven a sorte de atoparme e de conxeniar: Lalo, Falo, Pedro, e outros máis. Lembro que dende o primeiro día incitáronme a falar galego, que daquela eu non tiña como lingua usual aínda que xa gostaba dela grazas aos libros en galego que tiña atopado na nosa casa do Cantón no faiado e que a maioría pertenceran ao noso tío exiliado Juan López Durá, e a un non sei que que me turraba.

Falabamos de literatura, de cultura, de política, se cadra, ao principio algo menos, pero xa nese primeiro ano organizamos unha misa en galego -pois si, ateo practicante eu axudando a organizar misas-, pretendíamos unha normalización do uso do noso idioma que víamos afastado e reprimido. Daquela mesmo chegáramos a facer un coro de xente moza para solemnizar o evento, un conxunto no que tiña que cantar moi baixiño porque coa miña orella arrastraba a todos a desafinar. Gostabamos de cantar o “Venceremos nós”.

Creo que foi nosa primeira misión diplomática ir falar co Monseñor López Galuá, párroco perpetuo durante a miña infancia e xuventude.

Daquelas sesións lembro a famosa frase súa: “O inferno non existe, e si existe non hai ninguén nel porque non hai pecador que o mereza”, que tería feito o Monseñor? Ou tamén aquela de “As negras por un branco soben polas paredes”, non sei si por experiencia propia ou de confesionario. Na súa antípoda estaba D Xosé, cura progresista e boa persoa onde as haxa, que nos botara unha man. Os cartaces fixéraos Suso Peña moi bo debuxante de bandas deseñadas, inspirárase nunha “derradeira cea” que viña ilustrando un misal de SEPT, creo, que logo reproducimos a man algúns outros sobre papel kraf. A misa fora un éxitotal que se apuntaran todos os cregos da parroquia que querían aggiornarse.

Xuntabámonos tamén con outra xente que andaba a estudar en Santiago e pola súa mediación contactamos e preparamos un recital de Voces Ceibes,

formalmente fora a Asociación de Antigos Alumnos do Instituto quen a organizaba, que se celebrou o recital no Salón de Actos. Teño que lembrar que daquela contamos coa axuda do meu homónimo pai que era Xefe de Estudios dese centro daquela, quen por certo ademais cedeu o baixo do Cantón moitos anos para uso da Agrupación. Fora un éxito, lembro a seguido unha cea con todos eles no Bouza cando aínda estaba da Rúa Deputación. Fervíamos de activismo e gañas de facer cousas.

Creo que foi tamén nese 68 no verán que fixemos a primeira Feira do Libro,

cartaces meus feitos a man- non sería a última vez que se me encomendaba a cuestión “plástica” supoño que tirando da miña aprendizaxe de estudos. Lembro unhas mesas ao redor do Quiosco do Campo, e uns poucos libros. Sentíamos un afán “evanxelizador” que hoxe podería parecer inxenuo, pero quen medrou na ditadura sabe ben a que me refiro.

Pouco a pouco foi medrando a Feira e chegamos a vender moito. Anos despois cando coñecín en persoa a Valentín Arias, comentoume que en Galaxia sempre andaban agardando as vendas de Ribadeo para pechar un bo mes das súas contas. Así andaban as cousas.

Daqueles anos véñenme ao maxín os gravados de linóleo que facía cada ano para os cartaces da Feira. Non sei por onde andarán, téñolle moito aprecio ao primeiro que fixen con esa técnica aló polo 1972: unha especie de trevo de catro follas ou flor, bastante inspirado nos gravados de Agustín Ibarrola (n. 1930) que daquela pitaba moito aló por Euskadi onde andaba eu aínda rematando a carreira. Despois viñeron outros “grafistas” con más pericia ca min. Sinto moito èro non conservo ningún que moi ben poderian ilustrar este post.

No 71 conseguimos a legalización da Agrupación,

non sen antes ter que facer contactos diplomáticos en Lugo, creo que con Celestino Fernandez de la Vega, para a súa autorización e inscrición no rexistro, por certo que descubrimos nel unha ollada cómplice. Lembro saírmos moi contentes Lalo e máis eu e fomos tomar unhas cuncas á Praza do Campo, creo que no Ferreirós ou no 5 Vigas. O tal Celestino veu despois acompañando a Anxel Fole a unha presentación da reedición do seu libro “Terra Brava” a Ribadeo.

E  así comezou unha fértil actividade que fixo de Ribadeo un dos lugares avanzados no campo da cultura galega (tamén a política?). Rememorando, a Agrupación tamén organizou varios anos a Xira a Santa Cruz, debeu ser aló cara o fin dos setenta, coincidindo cando veu para aquí a que aínda é a miña compañeira Maite (*). Inzáramos o monte de tantas bandeiras galegas que daba gusto velo, a dereita local seica fixo algún comentario sobre a presunta “politización de algo que era de todos, como se a bandeira non o fose! Exhibición que nos custou en represalia o peche do local da agrupación por parte do daquela alcalde, provocando o efecto contrario ao buscado: unha onda de simpatía e de crecente apoio á Francisco Lanza.

Lembro tamén cando se decidiu ampliar as actividades a un cine-clube

e tivemos de novo que facer diplomacia, poñer o noso mellor sorriso inocente e ir falar cun galego de orixe que veraneaba en Reinante tras da casa do Iván: Díaz Rey -coñecido por Pancho Ledo-, que viña sendo un alto cargo do Ministerio de Información e Turismo, para que avogase pola pertinente autorización gobernativa. Daquel home teño unha anécdota, no medio da conversa espetounos: “Agora vai haber moita apertura no cine, vamos poder ver tetas e cachas sen censura”. Efectivamente, así foi e comezou o famoso “destape”.

(seguirá, se cadra)

*Non me fallou a memoria, atopei este folletiño deseñado por min