Select Page

Non hai como revisar a historia, non só a dos feitos, senón tamén a do pensamento e a da acción política. Lembro aqueles tempos non que moitos diciamos “Mercado Común Europeo, ruína do pobo galego” e eramos alcumados de catastrofistas, retrógrados contrarios a un mundo feliz de cidadáns europeos iguais. Prometíanos o paraíso, a modernidade, unha “converxencia” con esa Europa dourada que dende o illacionismo do franquismo se nos presentaba como a única saída cara o benestar.

Hoxe, temos moita máis capacidade para xulgar estes procesos de integración europea, a resultante para o noso País, na nosa economía e mesmo na nosa poboación, do que provocaron o Tratado de Maastricht e os que viñeron despois.

O cabreo de Macrón do que tanto se fala destes días, o austericidio imposto pola Alemaña de Merkel, a morte implacábel da economía grega, a fuxida do RU, etc… non deixan de estar xa implícitos e mesmo “prognosticados” neste traballo feito or XM Beiras e Xesús Veiga para o BNG. Tratado de Maastricht 1. Lúcido e terribelmente agoreiro. Paseino dunhas fotocopias mecanografadas a un pdf, creo que mantiven todo menos o paxinado, tamén o xeito de escribir o galego de hai 17 anos ten o seu aquel.

*Recantiño en Maastricht. Foto MLR

 

 

 

 

 

 

 

 

Unha escolma de textos para incitar a sua lectura completa, que ben merece a pena. Pensade que isto foi feito no ano 1992, e xa choveu!

O Tratado de Maastricht condena a Galiza …. ao confinamento na dependencia e no subdesenvolvemento económicos. Pasaremos de ser “colonia da corte madrileña” como dixera Antolín Faraldo hai máis de século e medio, a sermos directamente colonia interna da Europa rica … A Europa “do Sur “, ou sexa, a periferia económica europea –aínda que parte dela estea xeograficamente ao noroeste ou ao lestepasamos definitivamente a ser, a respecto do Estado alemán, o equivalente de Latinoamérica a respecto dos USA, só que, por riba, dentro das fronteiras institucionais e políticas do imperio, directamente sometidos como súbditos ao aparello de Estado, as leis e a policía metropolitanas: os configurados no TUE asinado en Maastricht.

Nunca tan descaradamente reaccionario se mostrara o poder político dos Estados da CE como na conclusión do TUE en Maastricht, no seu deseño monetarista da política económica común e no soberbio despreza dos intereses e dereitos máis elementais dos traballadores, as clases populares, e os pobos enteiros máis desfavorecidos e periféricos da glorificada e opulenta Comunidade Europea, Só na actual conxuntura política do planeta resulta concibíbel que se atrevesen a asinar un Tratado semellante.

Non se trata dunha “Europa de dúas velocidades”, senón de varias máis :

1ª – A dos qué podan e queiran integrarse no clube do SEBC-BCE (eixo Franco-Alemán máis Países Baixos).

2ª.- A dos que queiran e non podan (a periferia, dende Grecia a Irlanda pasando por Portugal e polo Estado Español) que non poderá chegar á meta sen rebentar á besta).

3ª.- A dos que poidan e non queiran, sexa porque non ratifiquen o Tratado (Dinamarca xa) ou sexa porque só o suscreben parcialmente (como Gran Bretaña, que nin se comprometeu coa política laboral e social, nin sequera aposta polo ecu como moeda única, por mor da libra, aínda que no caso de ir adiante a conversión do ecu en divisa da CE seria moi grave para a libra e para a Bolsa de Londres ficar fora).

4ª.- A dos países europeos desenvolvidos que aínda non están na CEE (Suíza, Suecia, Noruega, Austria), e que disque queren entrar.

5ª.- A dos problemáticos “países do Leste”, que recibiron bautismo de europeos, pro están a agardar pola confirmación.